Get Adobe Flash player
Banner
Banner

A Fundación Cultural comeza o proceso de substitución dos seus radioenlaces, para mellorar o servizo de internet

A Fundación Cultural da Estrada levará a cabo a substitución dos radioenlaces a través dos cales ofrece o seu servizo aestradadixital, no entorno rural. Será a través dun proxecto que o Concello incluíu no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL), valorado en 30.700 euros.

radioenlacemedTécnicos da Fundación e de EMETEL, a empresa que efectuará os traballos, visitaron o 3 de novembro as instalacións onde se atopan situados os emisores inarámicos, situadas no Edificio de Usos Múltiples, no Foxo e no monte Xesteiras, para deseñar a nova rede de comunicación.

Coa substitución destes equipamentos, búscase ampliar a capacidade da rede e aumentar as prestacións da conexión de internet ofrecidas aos veciños, especialmente nas parroquias rurais. A instalación dos novos radioenlaces permitirá tamén interconectar os edificios municipais existentes fóra do casco urbano da Estrada, como poden ser os locais parroquiais.

Esta mellora compleméntase coa instalación dunha rede de fibra óptica no casco urbano, que permite liberar parte do espectro radioeléctrico empregado ata o de agora e mellorar a capacidade da rede e o servizo ós usuarios. A Fundación Cultural do Concello da Estrada ofrece un servizo básico de internet aos veciños de todo o municipio, especialmente enfocado cara á zona rural, onde non existe, en boa parte do mesmo, oferta de banda ampla por parte de compañías privadas.